2006-09-14

Crónica do concerto de Marlango

Arquivado en: dende gz, no bazar, visto-oido — nes @ 7.51 pm | Traducir a: español - català

Hai tempo alguén me dixo…

gran concierto, se nota en las notas que dejamos despues de uno…

Hoxe penso algo dese estilo, logo de oir onte a Marlango no Centro Social Caixanova. Había moita xente. O aforo completo. Por suposto, non vou resumir o sentir xeral, pois apenas podo comprende-lo meu ata que repouse. Hoxe só unha anécdota… referida ó momento en que Alejandro Pelayo introduciu unha canción coa melodía de “Érase una vez…“.
Nese momento, todo o mundo menor de 30 anos e maior de 23 empezou a canta-la canción para sí. A tarareala e recordar os debuxos cos que crecemos. As rapazas que estaban diante nosa tamén. Só que elas… sabían a letra completa! Foi incrible. Deixei de prestar atención a Marlango e soamente oía ás tres cantando…

Erase, una vez… un planeta triste y oscuro
y la luz, al nacer… descubrió un bonito mundo de color.

2006-09-10

Marlango en Vigo

Arquivado en: no bazar, visto-oido — nes @ 3.21 pm | Traducir a: español - català

Este mércores día 13 de Setembro, Marlango actúa en Vigo, no Centro Social Caixanova. Nós xa temos as entradas e estamos a prepararnos para asistir ó concerto actualizados. No You Tube hai moito material e interesantes entrevistas coa súa cantante: Leonor Watling. Hai menos material de Alejandro Pelayo e Óscar Ybarra.
Para ir abrindo boca de aquí ó mércores, un video…

2006-09-05

O desenho (¿de camisolas?) galego

Arquivado en: dende gz, no bazar, retranca, visto-oido — nes @ 11.35 pm | Traducir a: español - català

Xa todos coñecedes o desenho galego: as camisolas están de moda. Non vos vou descubrir nada. Simplemente quero pór uns enlaces que atopei chuzando (grazañas polos enlaces a IaRRoVaWo e a Marcus polos videos continuos!):

A Vaca Láctea - Aduaneiros Sem Fronteiras - Caramuxo - Eiovai
Fento
- Killermundi - Nicetrip - Ococho - Once Varas
Projecto Global - Rei Zentolo - Westopia

PD: non vos perde-la crítica/posición de panchez en torno ó personalismo/autoría e os mass-media. Poderíase resumi-la súa posición como ¿Opacidade ós medios, transparencia coa audiencia? Nótase a influencia da ala “dura e creativa” italiana.

2006-07-17

Novela negra, guerra fría e comprensión da realidade

Arquivado en: libros, no bazar, visto-oido — nes @ 1.22 pm | Traducir a: español - català

Muerte de una heroína roja

Os anos comprendidos entre finais dos oitenta e principio dos noventa foron moi convulsos no eido político. A caída do muro de Berlín, os sucesos da plaza de Tian’anmen, a perestroika, … en definitiva, a culminación da guerra fría. Neses anos -e debido á caída da URSS- moitos países se enfrontaron ó proceso de transición dun sistema de base comunista a outro de fundamentos capitalistas.

Nesa dura transición están ambientadas estas dúas novelas: Muerte de una heroína roja e Trilogía de Argel, da editorial Almuzara. Parte de guerra que alumea un rincón oscuro da historia. Que nos fai comprender un pouco mellor a realidade actual.
Trilogía de Argel

En Muerte de una heroína roja, o fío condutor é a investigación da morte de Guan «Hong Ying», unha traballadora modelo de rango nacional. De xeito transversal móstrase as reformas que desexa introducir Deng Xiaoping na China dos 90 e cómo iso afecta á sociedade. As reformas do xigante tranquilo. Os pequenos pasos que noquean a 1.300 millóns de habitantes.

Así mesmo, en Trilogía de Argel, podemos introducirnos na convulsa Arxelia de principios dos noventa. É máis dura esta novela que a anterior. Máis violencia física. Mais será cousa dos lugares, da xeografía. Da resolución dos conflitos. Nesta, ademáis -ou por conseguinte- podemos tamén coñecer de primeira man a creación das guerrillas integristas: os seus eixos internos e condicións de supervivencia.

Recordo agora unha frase da curtametraxe matadero:

Non move a fé as montañas que levanta a fame

2006-06-20

Home sen nome

Arquivado en: libros, no bazar, visto-oido — nes @ 11.34 am | Traducir a: español - català

home sen nomeOnte acabei de ler o libro Home sen nome, de Suso de Toro. Coñecendo o “resume executivo” do libro vin que podería interesarme:

O relato dun vello, un home sen nome, que enuncia o monólogo da súa arrepiante biografía centenaria. Unha vida desacougante, condicionada pola perda prematura da nai, a presenza da sombra do seu irmán xemelgo, o seu paso polo Berlín onde emerxía o nazismo co que axiña simpatizou, o seu protagonismo nas sacas da feroz represión do 36 en Compostela ou a súa participación como voluntario na División Azul. A visita de Celia, unha xove guionista, obrigará ao vello sen nome a confesar lucidamente, sen rastro de arrepentimento nin remorso, a súa participación en múltiples fusilamentos, torturas e violacións e as súas razóns para facelos.

E gustoume, ben é certo. Mais non foi algo convencional. A medida que o lía algo se desgarraba en min. O coñecemento doe. Hai tempo alguén me dixo que as películas de Lars Von Trier desgarran por dentro. Este libro -como Dogville- desgarra. Porse na pel do asasino, que coñece, que sabe.

Ademáis sempre gusto de aprender un chisco máis sobre a Galiza dos anos convulsos.

Na presentación -xa hai un mes- tamén se fixo eco a blogsfera. Unha breve reseña:

2006-06-06

“Hijos de Mamá” en Boiro

Arquivado en: no bazar, visto-oido — nes @ 12.13 am | Traducir a: español - català

Este sábado pasou por Boiro a obra de teatro Hijos de mamá, interpretada por Enrique San Francisco e Jorge Sanz.

A obra retrata as miserias dos dous irmáns que están esperando a que súa nai morra dunha vez. Para obter a herencia ou escaparse da prisión que supón coidala. Todo en clave de comedia.

Ós poucos vanse espindo os personaxes xa ó principio debuxados. A par que se quedan sin armas para a comedia. San Francisco, facendo do que mellor se lle da: persoaxe vive-la-vida. Jorge Sanz de irmá-profesor sacrificado que vive aínda coa nai coidándoa. Ambos fillos de mamá. Cobardes. Sempre á súa sombra. E logo á de súa muller (no caso de San Francisco). É dicir:

Somos una generación de hombres criados por mujeres, me pregunto si otra mujer es la solución.
(Tyler Durden, El Club de La Lucha)

A verdade que me defraudou. Cos mimbres que tiña crin que sería moi boa. Non chegou a pasable. Dende logo nada comparado coa caravana da Cultura Circula que pasou por estes lares hai ben pouco.

Enrique San Francisco estivo correcto, no seu papel de canalla. De actor, xa non lle queda moito. Alomenos eu non vin nada. Sanz, con máis empaque limítase a facer de irmán paspán. Como querendo demostrar que non só é unha cara bonita. A pesar de que me rin en certos tramos, a sensación xeral foi de naderío. De nada de nada. Non me gustou.

Eu sonche máis da retranca característica galega. Do humor patrio. Nada de prometedoras obras medianas.

2006-05-22

A cultura circula en Boiro

Arquivado en: dende gz, no bazar, visto-oido — nes @ 4.40 pm | Traducir a: español - català

A cultura circula. Non reside en cidade algunha. Pertence a un país: Imaxinario, soterrado.

Esta semana asistín en Boiro ó espectáculo Tentacular da Cultura Circula.

A montaxe residía nunha mezcolanza de circo: malabares, acróbatas, mimo; audiovisual: microfundismos de Control Z; monólogos: Quico Cadaval, Carlos Meixide -non sei si chamarlle monólogo á súa “actuación”-; e risas sen parar: Teatro Trévere (o domador da faneca brava e outros varios) e Mofa e Befa (coa montaxe Os Romeros de Hondarribia). Todo elo aderezado por unha banda fabulosa (a Banda Baliza) e outras actuacións musicais: Mónica de Nut. (ver programa completo).

A montaxe é espectacular e non podo máis que falar ben dela: unha idea atrevida e levada a bo porto. Variedade. Diversidade. Identidade por suposto. Cun nexo común (o mar) varios artistas integran unha gran obra, demostrando que é posible facer cousas fóra do star system do espectáculo. Pode que sexa hora de que os artistas volvan a gañarse os cuartos traballando, de xira en xira. Polo que eu vin en Boiro a xente responde e gusta deste tipo de obras.